A fotografía nas coleccións locais
11 e 12 de novembro
Auditorio A Fábrica do Concello de Oleiros
(https://goo.gl/maps/xsaieHM97jdW3XPPA)
Comisaria da xornada: Andrea Serodio Domínguez
A fotografía desde o seu nacemento constituíu un medio excepcional para a captación da realidade. Xa desde os primeiros anos as aplicacións desta nova tecnoloxía chegaron a todo tipo de eidos: artístico, científico, tecnolóxico, etc.
Con moita celeridade sucedéronse todo tipo de innovacións que melloraron paulatinamente tanto a técnica como os medios para a captación das imaxes. As cámaras fixéronse cada vez máis pequenas, os tempos de exposición reducíronse e os coñecementos técnicos necesarios para manexar unha cámara simplificáronse de tal xeito que calquera persoa podía tomar fotografías. Todo este proceso rematou cunha democratización do uso das imaxes fotográficas.
A día de hoxe, co importante salto experimentado pola técnica fotográfica e a súa dixitalización, vivimos completamente rodeados por imaxes. O modo de tomalas non ten nada que ver coas primeiras sesións de Daguerre que constituían en si mesmas todo un acontecemento na vida dos retratados pola novidade do invento así como, tamén, polo importante esforzo tanto económico (polo elevado prezo das primeiras imaxes) como físico (polos longuísimos tempos de exposición). Só temos que premer o botón da cámara do noso teléfono móbil e obtemos ao instante unha imaxe totalmente nítida á que podemos retocar engadíndolle filtros variados e todo sen a necesidade de ter coñecementos sobre a velocidade de obturación, etc.
As fotografías en soportes físico son para a maioría de nós obxectos cotiáns presentes en todas as nosas casas, testemuños da nosa historia familiar e incluso das nosas afeccións. Nas institucións pasa o mesmo, atesoran grandes cantidades de fotografías que reflicten a realidade dun territorio, dun pobo ou mesmo da institución que as garda. Para o seu uso como documento histórico relevante, susceptible de ser estudado, é preciso dispoñer dun axeitado tratamento documental.
Pero a xestión de coleccións fotográficas, presentes en practicamente todas as institucións, non sempre recibe a mellor atención por parte das mesmas, especialmente as locais, sempre carentes dos medios materiais ou persoais que estas coleccións precisan.
Ademais, a conservación dos obxectos fotográficos entraña unha gran complexidade xa que se atopan constituídos por unha importante cantidade de elementos que reaccionan quimicamente de xeito diferente aos axentes externos (temperatura, humidade, po, etc.). Todas as partes que conforman unhafotografía están sometidas a un proceso de deterioro natural e continuo. A conservación preventiva das coleccións é vital para retrasar o máximo posible o deterioro e evitar a necesidade de abordar custosas restauracións.
Polo tanto , saber recoñecer as distintas técnicas fotográficas, os materiais e cales son as posibles deterioracións que poden sufrir é esencial para facer unha correcta conservación preventiva.
Así pois, o traballo neste tipo de coleccións require de persoal ben formado, así como de protocolos claros de abordaxe e instalacións que garantan a integridade dos fondos. O conxunto de estas labores farán que as palabras que definen as funcións dun arquivo ou museo saían da teoría e se convertan nunha fermosa realidade: conservar, investigar e difundir os fondos fotográficos que custodian.
(prazo aberto desde ás 9:00 h do día 26/10 ata as 0:00 h do día 10/11)
PROGRAMA
Descarga aquí o programa en pdf
VENRES
Mañá
9:45 a 10:00 h. Benvida e recepción das autoridades. Presentación a cargo de Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña e de Andrea Serodio Domínguez, comisaria das xornadas.
10:00 a 11:00 h. Panorámica xeral da fotografía en Galicia. Vítor Vaqueiro, fotohistoriador.
11:00 a 12:00 h. Fotógrafos da Costa da Morte: R. Caamaño e J. Vidal. Xan X. Fernández Carrera, fotohistoriador
12:00 a 12:30 h. PAUSA
12:30 a 13:15 h. O legado de AnnaTurbau. Galicia (1975-1979). Natalia Poncela López. Historiadora de arte, crítica e comisaria.
13:15 a 14.00 h. Habelas hainas. Mulleres na fotografía contemporánea galega. Andrea Costas Lago. Artista visual e fotógrafa.
Tarde
16:00 a 17:00 h. Mesa de experiencias: canles de difusión da fotografía
Modera: X. Lois Gutierrez Failde. Fotógrafo e docente
Premio de creación fotográfica Luís Ksado (Xurxo Lobato. Comisario e fotógrafo).
Javier Fernández Pérez de Lis (Fotógrafo).
Festival de fotografía da Coruña (FFoco) (Tono Mejuto. Fotógrafo, organizador do festival).
17:00 a 18:00 h. Mesa de experiencias: Arquivos e coleccións fotográficas da provincia da Coruña.
Modera: Vitor Vaqueiro. Fotohistoriador
Arquivo do Reino de Galicia (Mª Carmen Prieto Ramos. Directora do Arquivo do Reino de Galicia)
Real Academia Galega de BB.AA. (Felipe Sénen. Museólogo e Secretario da Real Academia de BB.AA.).
A Casa Museo Colección Caamaño (Denís Pose. Responsable da Casa-Museo)
SÁBADO
Mañá
10:00 a 11:00 h. Pautas para unha boa xestión dos fondos e coleccións fotográficas. (David González Ruiz. Arquivo Histórico de Sabadell)
11:00 a 12:00 h. Xestión da imaxe dixital (David Iglesias Franch. CRDI)
12:00 a 12:30 h. PAUSA
12:30 a 14:00 h. Recoñecemento e conservación preventiva dos fondos fotográficos. Ángela Gallego López (Conservadora de fotografía)
Tarde
16:00 a 17:00 h. Mesa de experiencias: A fotografía como expresión da identidade local
Modera: Ana Justo. Museo Os Oleiros
Museo Marea de Porto do Son. (José Manuel Vazquez Lijó. Director Museo Marea)
Fototeca de Cambre (Ramón Boga Moscoso. Concelleiro Patrimonio Cambre)
Fotos para as mil historias de Carral (Carlos Lorenzo Pérez. Técnico de Cultura do Concello de Carral)
17:00 a 18:00 h. Mesa de experiencias: A fotografía como expresión da memoria
Modera:Alberte Román. Investigador
ViteArquiva (Brais Santomil Cao. Colectivo ViteArquiva)
Carballo na Memoria (Marcos X. Trigo Facal. Concelleiro de Cultura e Deporte de Carballo)
Arquivo Vivo Unha Gran Burla Negra (María Bella. Investigadora e comisaria colaboradora da AC. Unha Gran Burla Negra)
A asistencia é gratuita e o aforo limitado. Todas as intervencións retransmitiranse en streaming a través da canle de Youtube: Cultura Deputación da Coruña.
Tamén haberá un servizo de interpretación de lingua de signos.
A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina web: www.aculturaeundereito.gal
Emitirase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que asistan ao 75% das xornadas.